Detido por unha suposta agresión sexual en plena rúa a unha muller en Lugo
É sospeitoso de tomar pola cintura unha muller que ía paseando coa súa parella e de “sobarlle os glúteos”

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a pasada fin de semana un individuo como investigado por un suposto delito de agresión sexual, dado que é sospeitoso de tomar pola cintura unha muller que ía paseando coa súa parella e de “sobarlle os glúteos”.
Segundo a información facilitada este mércores pola Policía Local de Lugo, os feitos sucederon o pasado 19 de outubro, cando unha patrulla que se atopaba de servizo na avenida de Ramón Ferreiro, como parte do dispositivo de seguridade despregado con motivo da celebración do Rally San Froilán, foi avisada pola suposta vítima.
A muller contoulles aos axentes que, momentos antes, cando estaba a pasear coa súa parella, un home que camiñaba por detrás deles colocoulle unha man na cintura e, coa outra, “soboulle os glúteos”.
De inmediato, os axentes puxéronse a buscar a esta persoa, que foi localizada pouco tempo despois. O sospeitoso foi detido como investigado por un suposto delito de agresión sexual.
Foi trasladado a dependencias xudiciais, onde se instrúen dilixencias no Xulgado de Garda.