Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido por tirar unha muller da muralla de Lugo e non darlle auxilio

Detido por tirar unha muller da muralla de Lugo e non darlle auxilio

O suposto autor da agresión está acusado de empurrar a vítima desde uns doce metros de altura e abandonala ferida de gravidade

Imaxe da Muralla na zona próxima a onde se produciu a agresión Imaxe da Muralla na zona próxima a onde se produciu a agresión
G24.gal 03/11/2021 12:46

Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron un home como sospeitoso de tirar unha muller da muralla romana. Despois de vela precipitarse desde uns doce metros de altura, o detido abandonou alí a vítima, segundo o relato policial, con feridas moi graves, dado que fracturou varias vértebras, unha perna e un pulso.

Os feitos ocorreron na madrugada deste domingo cando a muller, que estaba na rúa dos viños de Lugo coñeceu un mozo, co que se tomou varias consumicións en locais da zona.

Posteriormente, dirixíronse ao adarve da muralla de Lugo, onde, segundo as investigacións da Policía Nacional, ambos discutiron e o home golpeou a muller, que caeu desde esa altura de doce metros, concretamente ao patio interior dunha vivenda na zona da praza de Ferrol.

No canto de prestarlle axuda, o sospeitoso marchou do lugar e deixouna tirada no chan

Foi ás sete da mañá cando un cidadán que camiñaba pola muralla, escoitou os berros pedindo auxilio. Nun primeiro momento non puido identificar de onde procedían, pero pouco despois alcanzou a ver o lugar en que estaba tirada.

Inmediatamente, chamou os servizos de emerxencias, que mobilizaron a Policía Local, os Bombeiros e o 061. Unha vez rescatada, a vítima foi evacuada ao HULA.

Naquel momento, a moza non lembraba nada do sucedido, pero posteriormente os familiares puxéronse en contacto coa Policía Nacional para informar de que a muller puido ser empuxada.

Aínda que os axentes non puideron falar coa vítima, por recomendación médica, recuperaron o seu teléfono móbil e recolleron o testemuño de familiares e persoas que tiveran contacto con ela, o que lles permitiu "reconstruír todos os pasos dados a noite anterior pola parella".

Realizadas esas pescudas previas, tomóuselle declaración "a todos os implicados no caso", desde "a persoa que a atopou" ata "os responsables dos locais de lecer onde estiveran a noite anterior".

Identificado o suposto agresor, procedeuse á súa localización e detención, como suposto autor dun delito de lesións graves e outro de omisión do deber de socorro. Está previsto que pase a disposición xudicial nas próximas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade