Detido por ameazar uns policías tras chamarlles "porcos galegos de merda"
O detido está investigado polos delitos de resistencia, desobediencia e atentado contra os axentes da autoridade
Un home foi detido en Pontevedra por insultar e ameazar os axentes da Policía Local nun control do alcoholemia, aos que lles chamou "porcos galegos de merda".
Os feitos, acontecidos este mércores, producíronse sobre a unha e media da madrugada, cando os axentes estaban a realizar a proba a un condutor ao que deran a orde de parar. Nese momento, o seu acompañante comezou a proferir graves insultos e ameazas cara aos policías con expresións como "fillos de puta, porcos, galegos de merda ou sodes noxentos".
A todo iso engadiu que "vos vou a matar", mentres lles facía o xesto de cortarlles o pescozo coa man aos axentes, que intentaron sen éxito que se acougase.
O condutor deu un resultado positivo de 0,69 mg/l na proba de alcoholemia, polo que chamou un familiar para que se fixese cargo do vehículo. Pero o seu amigo tamén comezou a insultar a este familiar, o que provocou que ante esa actitude esta persoa decidise finalmente non asumir o control do coche.
A situación, segundo informa a Policía Local, agravouse notablemente cando os axentes chamaron o guindastre municipal para que se levase o coche. Esta persoa intentou evitar a retirada do turismo de todos os xeitos, desobedecendo as ordes dos policías e intentando agredilos. Durante o forcexo, tamén lles insultou e chegou a cuspirlles, polo que os axentes acabaron por deterlle de xeito inmediato.
O seu comportamento agresivo mantívose tras o arresto xa que, durante ou traslado, golpeou en repetidas ocasións a fiestra do coche patrulla.
O detido está investigado polos delitos de resistencia, desobediencia e atentado contra os axentes da autoridade.