Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido en Vigo por golpear e tentar esganar a nai, de 71 anos

Detido en Vigo por golpear e tentar esganar a nai, de 71 anos

A muller presentaba contusións, marcas no pescozo e un dedo inflamado

Foron os veciños quen chamaron a policía ao escoitar berros e golpes

G24.gal 18/09/2025 16:03

A Policía Local de Vigo detivo un home de 50 anos por agredir a súa nai, de 71.

Os feitos ocorreron pasadas as once da noite do martes na vivenda da muller, situada na rúa Alexandre Bóveda. Os veciños, alertados polo ruído e os berros, avisaron á policía e esperaron os axentes na rúa para facilitarlles o acceso ao inmoble.

Cando os policías chamaron á porta, o home, semiespido, abriu esixindo explicacións pola súa presenza e negando que pasase nada. Con todo, desde o exterior os axentes xa observaron unha porta fracturada, o chan cuberto de cristais e a vítima, chorando, ao fondo dunha estancia.

A nai pediulles axuda asegurando que o fillo a quería matar

Ao ver os axentes, a muller abalanzouse cara a eles e suplicoulles axuda entre saloucos, afirmando que o seu fillo a quería matar. Segundo explicou, el chegara á casa moi alterado e, tras facer xestos obscenos, ela advertiulle de que cambiaría a pechadura se continuaba así. O home reaccionou con ameazas, rompeu a porta e golpeouna co mango metálico dunha vasoira, ademais de propinarlle puñadas e patadas por todo o corpo e tentar estrangulala.

Foi nese momento cando a vítima pediu auxilio a berros, o que provocou a chamada de alerta dos veciños.

A policía detivo o home como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade