Detidas tres persoas dunha banda organizada que perpetrou sete roubos con forza en Lugo
As persoas detidas foron postas a disposición xudicial

A Garda Civil, no marco da operación Alvanca, detivo os tres membros dunha banda organizada que son sospeitosos de sete delitos de roubo con forza en vivendas habitadas e establecementos públicos da provincia de Lugo e outro a maiores en grao de tentativa.
A investigación comezou no primeiro semestre do pasado ano, despois de varios roubos cometidos en vivendas habitadas das localidades de Xove e Barreiros, así como en empresas da Pontenova, Mondoñedo, A Pastoriza, Carballedo e Baralla.
Nunha primeira fase desa operación policial foron detidos os dous primeiros integrantes desa banda, dous veciños de Lugo de 31 e 38 anos. Posteriormente, o desenvolvemento da investigación levou á identificación e posterior arresto dun terceiro membro do grupo, de 47 anos de idade e tamén con residencia na capital lucense.
No transcurso da operación foron realizados varios rexistros domiciliarios, nos que foi intervida unha arma de fogo e foron recuperados case todos os obxectos roubados. O valor aproximado dos obxectos recuperados ascende a uns 13.000 euros. As persoas detidas foron postas a disposición xudicial.