Detidas catro persoas por estafar os peregrinos no Camiño Francés
Facíanse pasar por membros de oenegués para pedirlles donativos
Unha banda organizada dedicada a estafar os peregrinos foi desartellada pola Garda Civil. Os axentes detiveron catro persoas, que pedían donativos no Camiño Francés facéndose pasar por membros de entidades benéficas.
O caso foi denunciado por Cáritas e pola Cruz Vermella, ao detectaren que uns falsos voluntarios estaban a recadar cartos no seu nome. Facíano nos tramos máis concorridos e con peor acceso para os coches policiais, como é o caso da ponte de Áspera, en Sarria.
Ante a alarma social xerada, a Garda Civil intensificou o control no Camiño Francés e abriu unha investigación que permitiu identificar e deter os supostos estafadores. Na intervención, comisáronlles cartos e documentos cos logos das oenegués que suplantaban.
Estímase que os detidos estaban a ingresar uns 5.000 euros ao mes con estas prácticas. Agora, impútanlles os delitos de estafa continuada, falsidade documental e intrusismo.