Detida unha empregada do fogar en Pontevedra por roubar xoias e obxectos valorados en máis de 300.000 euros
Detida unha empregada do fogar en Pontevedra por roubar xoias e obxectos valorados en máis de 300.000 euros
Ademais das xoias, entre os efectos subtraídos destacan dous libros, un deles un facsímile, adquiridos hai moitos anos por case 4.000 euros cada un e que na actualidade duplicarían o seu valor

A Policía Nacional de Pontevedra detivo unha empregada do fogar por roubar xoias e diversos obxectos valorados en máis de 300.000 euros no domicilio en que traballaba.
Segundo informou o corpo policial, a muller aproveitou o acceso aos cuartos para subtraer pulseiras, medallas, aneis, moedas de ouro, pendentes, placas e colgantes de ouro, e outros artigos de luxo, como bolsos.
A muller, despois de roubar os obxectos, vendíaos en diferentes establecementos de venda de ouro de Pontevedra e Valladolid, nos que constan ata un total de 19 xoias vendidas, facéndose pasar pola súa lexítima propietaria.
A investigación comezou despois de que o fillo da propietaria denunciara os feitos, e os axentes identificaron e localizaron a presunta autora e procederon a rexistrar o seu domicilio.
Os axentes recuperaron numerosas xoias e obxectos que foron devoltas á súa lexítima propietaria, unha muller especialmente vulnerable de avanzada idade e enferma.
Ademais das xoias destacan, entre os efectos subtraídos, dous libros, un deles un facsímile, adquiridos hai moitos anos por case 4.000 euros cada un e que na actualidade duplicarían o seu valor.