Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detida unha condutora que circulou en sentido contrario pola AP-9 ata Teo e deu positivo en alcoholemia

Detida unha condutora que circulou en sentido contrario pola AP-9 ata Teo e deu positivo en alcoholemia

Con este, rexistráronse tres casos de condutores kamikazes nas últimas horas

Arquivo TVG
G24.gal 10/11/2025 10:31 Última actualización 10/11/2025 14:38

Axentes da Garda Civil detiveron unha condutora que circulou decenas de quilómetros en sentido contrario pola AP-9 e que acabou interceptada na peaxe de Teo (A Coruña).

Os feitos ocorreron na madrugada deste luns, cando varios condutores alertaron a Emerxencias de que un coche estaba a circular cara a Santiago polos carrís da AP-9 en dirección a Pontevedra.

A condutora foi finalmente interceptada na peaxe de Teo e, segundo confirmou a Garda Civil, trátase dunha veciña de Vilagarcía, de 57 anos de idade, que deu positivo na proba de alcoholemia. A muller foi detida como presunta autora dun delito contra a seguridade viaria.

É o terceiro caso de condutores kamikazes que se rexistra nas últimas horas. Na tarde deste domingo, un coche circulando en sentido contrario, nese caso na AG-55, acabou chocando con outro vehículo. Este accidente, que se saldou cunha persoa ferida, ocorreu a última hora da tarde do domingo no municipio de Cabana de Bergantiños, na parroquia de Nantón. 

Unha persoa quedou ferida. Precisamente, a persoa do guindastre que retirou os dous vehículos é un oínte habitual da Radio Galega e informaba do sucedido en directo.

" A ver, kamikaze non é unha muller de 78 anos, eu creo que na rotonda equivocouse".

 "Os coches estaban separados un do outro máis de cen metros. O impacto foi impresionante pero creo que non sabía", comenta en conexión teléfonica.

Cando chegaron os bombeiros de Bergantiños comprobaron que unha das persoas era incapaz de saír, polo que a retiraron por outra das portas do vehículo. 

E antes, na madrugada, quedou ferido o condutor dun turismo que circulaba en sentido contrario na A-6 tras colidir cun minibús á altura de Guitiriz. O coche avanzada en sentido Lugo e bateu co bus en que ían unha vintena de pasaxeiros, por sorte o chofer puido esquivar parte do impacto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade