Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen un veciño de Bermeo por fabricar amas cunha impresora 3D na casa

Deteñen un veciño de Bermeo por fabricar amas cunha impresora 3D na casa

G24.gal 17/09/2022 13:22

Axentes da Garda Civil desmantelaron un taller clandestino dedicado á fabricación de armas caseiras con impresoras 3D.

Localizárono na localidade vasca de Bermeo. Ademais de deter o propietario, os axentes interviñeron armas de fogo listas para usar, tres fusís de asalto, pistolas con munición, unha escopeta de canóns e outros cinco artefactos explosivos.

Tamén requisaron case 200 iniciadores eléctricos, tres quilos de pólvora, máis de seis quilos de precursores para crear mesturas explosivas, case 400 cartuchos metálicos e dúas impresores 3D.

Varias das armas tiñan os números de serie borrados ou carecían deles, o que evidencia a súa procedencia ilegal.

Fabricación ilegal e depósito de armas

Destacan polo seu perigo os tres fusís de asalto, catalogados como armas de guerra, tanto polo seu calibre coma pola súa capacidade de efectuar fogo automático (metrallador), polo que está totalmente prohibido que os posúan particulares.

Ademais, dáse a circunstancia de que se trataba de armas orixinalmente inutilizadas (desactivadas) que o detido manipulara no seu taller clandestino para reactivalas, deixándoas de novo en condicións de efectuar fogo real.

Requisáronlle outras dúas pistolas desmontadas e numerosos armazóns, canóns semielaborados de fabricación artesanal, adaptadores para o axuste de silenciadores e outras pezas e ferramentas, que evidenciaban que o detido tamén se dedicaba á fabricación ilegal de armas mediante a ensamblaxe de pezas de diferentes orixes.

Esta é a segunda operación deste tipo tras desmantelar en xuño de 2020, na Coruña, outro taller clandestino de fabricación de armas mediante impresión 3D.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade