Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen un brasileiro en Tui buscado pola Interpol por homicidio

Deteñen un brasileiro en Tui buscado pola Interpol por homicidio

O home foi interceptado por unha patrulla e tratou de fuxir, pero finalmente foi detido polos axentes

G24.gal 05/06/2026 10:07 Última actualización 05/06/2026 10:28

A Garda Civil detivo en Tui un home de 30 anos e nacionalidade brasileira acusado dun delito de homicidio doloso sobre o que había unha orde internacional de busca e captura.

Segundo informa a Comandancia de Pontevedra a detención realizouse hai tres días, cando unha patrulla chamou a atención dun home que baixaba dun coche, e quen amosou unha actitude "nerviosa e esquiva" ante o requirimento dos axentes.

Segundo o relato dos gardas civís o home aseguraba que non levaba a documentación enriba, pero cando lle pediron que baleirase os petos atoparon documentos de identidade. Ao comprobar os datos, constataron que se trataba dun estranxeiro sobre o que constaba unha orde de busca e detención para ser extraditado, solicitada pola Interpol, por un caso de homicidio doloso.

Cando os axentes lle falaron desta situación, o home tratou de fuxir correndo, aínda que acabou sendo interceptado e detido, polo que suma ademais un delito de desobediencia e resistencia.

O detido foi posto á disposición do Tribunal de Instancia número 3 de Tui e o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade