Un home perde o control do coche e atropela dúas mulleres en Santiago, que quedan feridas graves
As mulleres, dúas peregrinas portuguesas, foron sorprendidas polo vehículo conducido por un home que se investiga se puido sufrir un esvaecemento
Tanto o condutor como as mulleres foron trasladadas en ambulancia ao Complexo Hospitalario de Santiago
Dúas mulleres, peregrinas portuguesas, foron atropeladas este venres en Santiago por un condutor que perdeu o control do seu vehículo e que invadiu a beirarrúa en que se encontraban as dúas vítimas.
O sinistro produciuse contra as 9:10 da mañá, na rúa Rosalía de Castro, cando o condutor, de 82 anos, circulaba en dirección saída da cidade. De improviso desviouse da marcha e subiu á beirarrúa, onde estaban as dúas mulleres, ás que levou por diante. Na súa marcha tamén bateu contra un semáforo e contra a fachada do edificio máis próximo.
As dúas mulleres foron atendidas no lugar do sinistro e trasladadas en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
O condutor tamén foi trasladado ao centro hospitalario, atendido por un ataque de ansiedade. Investígase se antes do sinistro puido sufrir un esvaecemento.