Deteñen un condutor en Pontevedra nunha rúa prohibida, sen seguro nin ITV e con droga
Deteñen un condutor en Pontevedra nunha rúa prohibida, sen seguro nin ITV e con droga
O mozo, de 22 anos, deu positivo por drogas e intentou agochar o que levaba cando lle deron o alto

Axentes da Policía Local de Pontevedra informa dun suceso rexistrado hai xa algúns días na cidade, unha detención na que o implicado infrinxe as leis de distintas maneiras.
Rematou detido por tráfico de drogas e con outras catro denuncias administrativas contra el. Os axentes fixáronse nel cando circulaba pola rúa Gorgullón malia que un sinal prohibe a circulación.
Así, déronlle o alto e observaron que o condutor "bastante nervioso, facía movementos estraños coas mans, e tentaba agochar algo". Desde ese momento acumulou irregularidades.
O vehículo carecía de seguro e tiña a ITV caducada. Ademais, o condutor, de 22 anos, deu positivo nas probas de drogas.
Ante as sospeitas de que intentou agochar algo, realizaron un rexistro do turismo que permitiu descubrir unha báscula de precisión con, supostamente, restos de haxix e marihuana, canda un anaco (0,86 gramos) e dúas pranchas de case 100 gramos cada unha.
Os axentes detiveron o condutor como suposto responsable dun delito contra a saúde pública. Tamén iniciaron a tramitación de catro denuncias administrativas por infraccións de tráfico: circular por unha rúa restrinxida, nun coche sen o seguro obrigatorio e coa ITV caducada ademais de conducir baixo os efectos das drogas.