Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen tres homes polo recente atraco a un súper no concello de Teo

Deteñen tres homes polo recente atraco a un súper no concello de Teo

Un dos arrestados residía preto do establecemento, e os investigadores cren que daba cobertura aos dous autores materiais do asalto

Nos rexistros atoparon as armas empregadas no atraco e a roupa que levaban posta

G24.gal 01/12/2022 10:54

A Garda Civil detivo tres homes da área de Santiago de Compostela polo atraco a un supermercado na localidade de Cacheiras, en Teo, ocorrido hai dúas semanas.

Os homes, que recoñeceron os feitos en sede xudicial, foron detidos no marco da Operación Montdia, que dirixiu a Policía Xudicial da Garda Civil de Santiago de Compostela de maneira conxunta coa área de Investigación da Delincuencia do Posto Principal da Garda Civil do Milladoiro.

Os feitos, informou o instituto armado, producíronse o pasado 15 de novembro cando os autores confesos do atraco intimidaron a caixeira do supermercado cunha suposta arma de fogo e un dispositivo de descargas eléctricas (táser).

As investigacións permitiron identificar os tres homes, residentes en Santiago de Compostela e as súas inmediacións, que contaban con antecedentes por feitos similares.

Un dos detidos, que residía nas inmediacións do supermercado, daría cobertura á acción dos dous autores materiais do atraco.

Os axentes localizaron no domicilio dese individuo as armas que se utilizaron na comisión do atraco ademais doutras similares que gardaba o detido na súa vivenda.

As pescudas permitiron identificar os autores do roubo, un con residencia en Santiago de Compostela e outro en Brión, e ao rexistraren un dos pisos os axentes localizaron a vestimenta que utilizaron no atraco.

A maxistrada do xulgado de instrución de garda de Santiago de Compostela que levou o caso decretou o ingreso en prisión preventiva de dous dos tres detidos e a posta en liberdade, en condición de investigado, do terceiro dos implicados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade