Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen os supostos autores do roubo de 100.000 euros en xoias en Oleiros

Deteñen os supostos autores do roubo de 100.000 euros en xoias en Oleiros

Entre os tres arrestados, de nacionalidade chilena, está un home coñecido como o Chicorte, buscado no seu país por varios delitos e do que xa se iniciaron os trámites para a súa extradición

A esta banda atribúeselle outros dous asaltos en Vigo e investigase a súa posible implicación noutros roubos nas provincias de Pontevedra e de León

G24.gal 07/10/2026 10:18

A Garda Civil detivo os tres membros dunha banda criminal itinerante, especializada en roubos con forza en vivendas, nun operativo iniciado tras denunciarse a subtracción de xoias e outros efectos por valor de 100.000 euros nunha vivenda de Oleiros. Dos tres detidos, todos de nacionalidade chilena, un será extraditado, ao estar buscado polas autoridades de Chile por diversos delitos.

A investigación, bautizada como operación Ribera-Mariñas, iníciase tras cometerse o roubo en Oleiros. O asalto produciuse a plena luz do día, nunha vivenda dunha zona residencial, aproveitando a ausencia dos propietarios. Para acceder ao inmoble, os autores utilizaron ferramentas e dispositivos tecnolóxicos especializados, entre eles inhibidores de frecuencia e diferentes útiles destinados á apertura de portas e fiestras, o que evidencia o grao de preparación e especialización co que actuaba o grupo.

A Garda Civil puido identificar os autores e, coa colaboración da Policía Local, obtivo imaxes do vehículo utilizado polos delincuentes para fuxir. Deste xeito, souberon que a banda se dirixía cara a Cataluña, polo que se estableceu un dispositivo en coordinación coa Comandancia da Garda Civil de Zaragoza, para interceptar o vehículo antes de que chegase ao seu destino.

Finalmente, o vehículo foi interceptado na autovía A-68 á altura de Alagón, en Zaragoza. Durante a intervención, os ocupantes intentaron fuxir e ofreceron unha forte resistencia aos axentes, sendo finalmente reducidos e detidos.

No rexistro do vehículo, os axentes localizaron numerosas pezas de xoiería, entre elas aneis, pulseiras e diferentes pezas de ouro, que correspondían en gran parte ao botín subtraído en Oleiros.

A investigación desenvolvida posteriormente polo Grupo de Delitos contra o Patrimonio permitiu determinar que o día anterior ao roubo cometido en Oleiros, os integrantes do grupo criminal perpetrarían outros dous roubos con forza en vivendas do centro de Vigo, e investígase a súa posible participación noutros feitos delituosos cometidos nas provincias de Pontevedra e León.

Os presuntos autores dos feitos son dous homes, de 33 e 26 anos, e unha muller, de 28 anos, todos eles cidadáns chilenos, especializados neste tipo de asaltos a vivendas, que estaban asentados na provincia de Barcelona, pero que actuaban de xeito itinerante.

A investigación permitiu descubrir tamén, mediante os mecanismos de cooperación policial internacional con Chile, novos antecedentes relacionados cun dos detidos. Un dos homes, coñecido co alias do Chicorte, estaba a ser buscado polas autoridades policiais daquel país.

Así, atribúenlle presuntamente o liderado dunha estrutura criminal asentada na comuna de Pedro Aguirre Cerda, na Rexión Metropolitana de Santiago de Chile, vinculada a actividades relacionadas co tráfico de drogas, circulación ilegal de armas, asociación ilícita e branqueo de capitais, ademais da súa posible implicación en varios homicidios cometidos no seu país de orixe.

Tras a comprobación destes antecedentes e unha vez ratificada pola autoridade xudicial competente a situación de prisión provisional dos detidos, iniciáronse os trámites correspondentes para a extradición a Chile do presunto líder desta estrutura criminal.

Os detidos foron postos á disposición do Tribunal de Instancia de Zaragoza, que determinou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. A investigación continúa aberta para determinar a posible participación dos sospeitosos noutros roubos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade