Despregan en Redondela un amplo dispositivo na busca dun desaparecido
Un amigo advertiu de que non se atopaba no seu domicilio e que a embarcación auxiliar que emprega para chegar a un barco non estaba amarrada no embarcadoiro onde habitualmente a ten
Un amplo dispositivo trata de localizar un veciño de Redondela nunha zona de mar deste concello pontevedrés. Dez minutos despois das 19:30 horas deste martes, un amigo comunicou ao 112 Galicia que non conseguía contactar con esa persoa desde o día anterior.
A persoa que advertira da desaparición informou de que se desprazara ata a vivenda do implicado, situada na zona da Formiga, na parroquia de Cedeira, e comprobou que non se atopaba no domicilio.
A casa está situada a carón dun embarcadoiro en que amarra unha embarcación auxiliar tipo zódiac, que emprega para acceder a un barco. Nese momento, a zódiac atopábase a carón do barco, pero non había rastro do seu propietario.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia trasladou a alerta a Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil e as policías Nacional e Local. Tamén se informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Baixo Miño e os voluntarios de Protección Civil de Redondela, por se fose necesaria a súa intervención.
O dispositivo esténdese por terra, mar e aire. O helicóptero de rescate Pesca I, de Gardacostas de Galicia, así como embarcacións da Garda Civil e a auxiliar Don Inda, de Salvamento Marítimo, están a participar no dispositivo.
Tamén se garda a chegada de mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil para colaborar na busca.