Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen once persoas nunha operación contra o tráfico de drogas en Lugo

Deteñen once persoas nunha operación contra o tráfico de drogas en Lugo

No marco da operación Degüello interviñeron tres quilogramos de cocaína, un quilo de substancia de corte, 14 quilos de marihuana e 100 gramos de haxix

G24.gal 07/03/2024 10:53

Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional detiveron once persoas no marco da operación Degüello contra o tráfico de drogas na provincia de Lugo, na que ademais interviñeron tres quilogramos de cocaína, un quilo de substancia de corte, 14 quilos de marihuana e 100 gramos de haxix.

Os axentes que participaron na operación interviñeron unha pistola detonadora, varios transmisores de radio, teléfonos móbiles e vehículos, informaron fontes da investigación. Aos detidos, de nacionalidades dominicana, colombiana e española e con idades comprendidas entre os 30 e os 67 anos, investígaselles por ser membros dunha organización criminal dedicada de forma activa ao transporte e distribución de todo tipo de substancias estupefacientes “en cantidades de notoria importancia”, asentada en Lugo, pero con actividades delituosas tamén en provincias limítrofes.

A operación púxose en marcha a principios de 2023, tras ter coñecemento os Corpos e Forzas de Seguridade de que se estaban realizando vendas de droga na localidade lucense de Sarria e noutros municipios limítrofes por parte dos membros dun grupo que realizaba viaxes frecuentes a Madrid e a diversos lugares da provincia de Guadalaxara, supostamente para proverse de substancias estupefacientes. As pescudas posteriores permitiron comprobar que esa droga era distribuída ademais polas provincias de Lugo, León e A Coruña.

De feito, ambos os corpos dan por desactivada “unha das máis activas redes de distribución de cocaína desta provincia”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade