Deteñen o presunto ladrón de bancos da Coruña, Melide e Ponferrada
O detido está acusado dos delitos de roubo nos bancos e furtos e estafas noutras comunidades autónomas
Atopouse en Valladolid e foi enviado a prisión provisional

A Policía Nacional detivo ao suposto autor dos atracos de entidades bancarias na Coruña, Melide e Ponferrada, quen está en prisión provisional.
Os axentes sospeitas que foi o autor do roubo a unha oficina de Abanca o 2 de maio en Oza, outro o 19 do mesmo mes en Melide e outro máis o 29 en Ponferrada.
Ademais, sosteñen que é autor doutros delitos como furtos e estafas en Vilanova de Arousa, Santiago de Compostela, Astorga, Torrexón de Ardoz e Salamanca. A Policía Nacional dixo que o detido actuaba en solitario e de maneira silenciosa.
O suposto autor dos atracos entraba nas sucursais co rostro descuberto e entregaba unha nota a man en que indicaba que era un atraco e a cantidade de diñeiro que pedía. Ca outra man simulaba ter unha arma de fogo, chegando a ensinar a empuñadura dunha, pero a policía determinou que esta era simulada.
Actuaba con tal discreción que nin os outros empregados do banco nin os clientes se decataban do que sucedía, segundo detallaron os axentes. Logo evitaba a acción dos corpos policiais valéndose da mobilidade xeográfica.
O pasado día 10 foi localizado nun centro comercial de Valladolid, onde portaba a documentación de diferentes persoas, varios teléfonos móbiles, unha navalla, un falso revólver e uns 1.400 euros en efectivo. Alí foi detido pola Policía Nacional.
O detido foi posto ao dispor xudicial en Valladolid dous días despois e decretouse o ingreso en prisión provisional. A policía continúa a investigación para descubrir se existen máis feitos delituosos.