Deteñen dúas veces un home de 63 anos por roubo en Porto do Son
O detido é un veciño de Fisterra ao que detiveron en dous días consecutivos
Acúsano de roubo no centro de saúde de Porto do Son e nunha vivenda da localidade

A Garda Civil detivo dúas veces un home de 63 anos na pasada fin de semana. Ao home, veciño de Fisterra, atribúenselle os delitos de roubo con forza no centro de saúde de Porto do Son e nunha vivenda da mesma localidade.
Segundo o Instituto Armado, a primeira detención tivo lugar o sábado, cando unha patrulla sorprendeu o individuo dentro do centro de saúde. Este accedeu ao recinto rompendo o cristal dunha xanela. Os axentes collérono cando saía pola mesma mentres levaba medicación subtraída do interior do centro.
No día seguinte, domingo 16, a Garda Civil volveu interceptar este home. Esta vez o individuo saía dunha vivenda deshabitada, xa que a súa moradora falecera 15 días antes. Nesta ocasión accedeu ao inmoble forzando a xanela lateral da casa e levaba unha esporta con obxectos diversos do interior.
Os axentes xa investigan se o detido ten algún tipo de implicación noutros feitos similares.