Publicador de contidos

Publicador de contidos

As estradas da provincia de Ourense sofren estragos e danos por mor da chuvia

As estradas da provincia de Ourense sofren estragos e danos por mor da chuvia

Algunhas das afectadas son estradas secundarias moi utilizadas polos veciños

G24.gal 10/02/2026 14:57

Zoa o vento, cae a chuvia, a meteoroloxía non dá descanso dende hai semanas. En Boborás, a auga semella que xa non ten por onde saír e os danos vanse sucedendo.

"O que nos está pasando son cousas como as que temos ás nosas costas: que está habendo corrementos de terra bastante grandes, que nos arrastran troncos, maleza e demais, incluída terra e auga, que o que nos fan é obstaculizar, cortar as vías ata onde nós podemos chegar, e hai que traballar con maquinaria pesada para podelas limpar", relata Daniel Caíña gallardo, sarxento dos Bombeiros do Carballiño.

Algunhas das afectadas son estradas secundarias moi utilizadas polos veciños. Contan que polo de agora non teñen capacidade para despexalas todas. Así que non queda outra que agardar ata que pare. É o caso de aldeas como Sobredo, Salón, Linariños ou Xurenzás por exemplo. Non quedan incomunicadas pero o rodeo é inevitable.

"Choveu moito e están as estradas perdidas, todas cheas de folla, cheas de buratos, houbo moitos desprendementos, non se dá andado. Xa vedes como traballan. Eu reparto pescado por estas aldeas aquí. Está a cousa moi mal, non sae a xente a comprar con este tempo, tampouco hai mercadoría para venderlle", di Antonio Otero, repartidor de peixe.

Deste xeito quedou a estrada nacional 540 no concello de Verea, na coñecida como recta de Gontán, onde a auga levou boa parte do recheo do firme. E na cidade de Ourense a chuvia provocou unha desfeita no adro da igrexa da Trindade. 

"Na madrugada do venres pasado sorprendeunos que caeu o muro desa casa e caeu contra o adro da igrexa, contra o xardín, como se pode ver, e imaxinamos que foi froito do temporal destes días e da auga. Enseguida viñeron os responsables tanto do concello como da Policía Local para precintar a zona", explica José Joaquín Borrajo, cura párroco da Igrexa da Trindade.

"Aquí de momento non entrou xente ningunha dentro polo que poida pasar. Agora, que isto vai seguir caendo, porque tardará un mes, tardará dous, como siga caendo así caerá todo".

Polo de agora non queda outra que seguir mirando o ceo porque as previsións din que aínda quedan días de chuvia por diante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade