Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desigualdade e inflación, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Desigualdade e inflación, por Maite Cancelo

G24.gal 17/01/2023 08:01

Tal e como sinala o informe de Oxfam Intemón, a inflación sempre golpea con máis dureza as persoas e familias con menores rendas. De feito, é como un imposto silencioso que bate sobre a capacidade de compra das persoas con menos recursos, pero tamén sobre a capacidade de aforro e consumo das rendas medias, o cal tampouco é desexable xa que ten importantes consecuencias sobre a economía.

O que non comparto co dito informe é a súa análise sobre as causas que dispararon a inflación, sobre todo en Europa (o que ocorre nos Estados Unidos merece unha reflexión á parte). Inicialmente, os prezos empezaron a subir debido ao importante aumento na demanda que se produce ao saír da pandemia da covid-19, unido a un problema de desabastecemento nas cadeas de produción.

Esta crise, de demanda, empezaba a mitigarse cando Rusia invade Ucraína, cando se produce a escalada de aumento nos prezos de determinadas materias primas, incluídas as enerxéticas. Non esquezamos que, por exemplo, o prezo do barril de petróleo impacta directamente non só sobre os custos de transporte senón tamén sobre a produción dos produtos alimentarios. A nosa crise inflacionista converteuse, por tanto, nun problema de oferta, e aquí radica o principal escollo en canto á forma de atallala, xa que a medida clásica de aumentar os tipos de xuro ten como obxecto reducir o consumo (ou sexa, a demanda) e parece que non está a ter o resultado esperado, polo menos, no curto prazo.

Sobre os salarios. De momento, non aumentaron na mesma contía que a inflación, polo que, efectivamente, a capacidade adquisitiva das familias está a resentirse cada vez máis. Pero o problema de incrementalos ao mesmo nivel implicaría o chamado efecto segunda rolda: aumentos de salarios que se trasladan novamente a prezos, e a espiral inflacionista en lugar de conterse, séguese retroalimentando. Por iso, o chamado pacto de rendas é importante.

Está claro que non hai solucións máxicas en economía, pero os gobernos si poden deixar de ter eses aumentos extras de recadación en determinados impostos, reducindo (ou suspendendo) temporalmente determinadas cargas impositivas para mitigar o impacto destes incrementos de prezos sobre as economías domésticas e as empresas poden reducir as súas marxes empresariais para remar na mesma dirección (non trasladando todo o aumento de custos que están a sufrir sobre os prezos finais), e, así, evitar os negativos impactos que as políticas económicas anti-inflacionistas teñen sobre o crecemento económico.

Pero, en calquera caso, non esquezamos que somos unha economía en que o 95 % das nosas empresas son pequenas e medianas e non grandes corporacións e que para esta parte do tecido produtivo é máis complexo non repercutir as subidas de custos a prezos e as medidas de aumento de impostos empresariais podería levar a moitas delas a baixar a persiana, como xa ocorreu con moitos autónomos durante último ano.

Para finalizar, sobre a falta de competencia que denuncia esta ONG, lembremos que temos instrumentos para combatela a través da denuncia concreta destes comportamentos ante a autoridade nacional (ou sexa, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia) ou ante as autonómicas (en Galicia, a Comisión Galega da Competencia), que teñen atribucións de sanción nestas prácticas ilícitas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade