Desfeita defensiva dun Obradoiro que chega ao derbi en situación límite
Manresa rachou o partido no último cuarto e foise por riba dos cen puntos (104-84)
O Obradoiro aguantou tres cuartos pero acabou perdendo na pista de Manresa e encaixando máis de cen puntos (104-84). As dezaoito perdas de balón e un parcial de 27–9 no último cuarto marcaron a diferenza. Os de Moncho Fernández chegarán ao derbi nunha situación límite, con 5 vitorias e co descenso moi preto.
No primeiro tempo ningún dos dous equipos souberon conxugar o verbo defender. Recital ofensivo tanto de Manresa como de Obradoiro. No primeiro cuarto o resultado era de 29–28 para os locais. Ao descanso, 54–56 para o Obra. A máxima diferenza que recolleu calquera dos dous equipos foi o +6 que tivo Manresa no segundo cuarto (41–35). Tres xogadores de Obradoiro (Scrubb, Ellenson e Robertson) por riba dos nove puntos e todo por decidir na segunda metade.
No terceiro cuarto, os adestradores conseguiron axustar un pouco a estrutura defensiva dos seus equipos. Manresa volveu dar un pulo de sete puntos (66–59) pero os de Moncho Fernández acabaron metidos de cheo (75–73).
A terceira tentativa sería a definitiva. Un parcial de saída de 11–2 permitiulle a Manresa marchar por riba dos dez puntos por primeira vez no partido. Cun Moneke imparable (32 puntos), o Obradoiro acabou por axeonllarse e agora terá que centrarse no vindeiro compromiso, ante un Breogán que chega pleno de moral ao derbi.