Descontos de ata o 90 % en trens e autobuses para que os mozos viaxen este verán
O Ministerio de Transportes lanza unha nova edición da campaña Verano Joven
Poden apuntarse viaxeiros de entre 18 e 30 anos, españois ou con residencia legal
Ofrece descontos no transporte público de xullo a setembro
O verán é para a xente nova, xa se sabe. E moitos saben, tamén, que nun par de semanas botará a andar unha nova edición da campaña Verano Joven do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
É un programa de descontos para utilizar o transporte público durante xullo, agosto e setembro. O plan ofrece rebaixas do 50 % do prezo dos billetes de alta velocidade, longa distancia e Interrail; e do 90 % para os ferrocarrís de media distancia e de ancho métrico e para os autobuses que cubran liñas regulares de titularidade estatal.
O Goberno di que o obxectivo é, por unha banda, reducir o uso do vehículo privado e, ademais, facilitar que a xente nova coñeza outros lugares e outras culturas. Poden apuntarse mozas e mozos nacidos dende o 1 de xaneiro de 1995 ao 31 de decembro de 2007. O outro requisito é que teñan a nacionalidade española ou a residencia legal en España.
Para acceder aos descontos hai que rexistrarse na páxina do Ministerio. Logo, os usuarios reciben un código que poderán aplicar para mercar billetes con desconto en diferentes empresas de transporte.
Esta é a terceira edición do plan. O Goberno di que o ano pasado 2,3 millóns de mozos viaxaron con descontos.