Desarticulan un grupo criminal especializado no roubo de cable de cobre que actuaba en Boimorto
A operación Boicupru deixa sete detencións

O Equipo ROCA da Compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, en colaboración coa Garda Civil do Posto de Boimorto, desarticulou un grupo criminal itinerante especializado no roubo de cable de cobre que acabou coa detención dos seus sete integrantes.
A operación Boicupru iniciouse na madrugada do 3 de xuño, ao detectar os compoñentes do Posto de Boimorto a presenza de varios individuos con actitude sospeitosa polo centro urbano desa localidade, observando ás poucas horas cortes masivos no tendido telefónico en zonas rurais dese municipio.
As primeiras actuacións revelaron que os homes identificados en Boimorto formaban parte dun grupo criminal itinerante que utilizaba vehículos de alugueiro ou a nome de terceiros para o seu desprazamento polas diferentes provincias, tratando con iso de entorpecer o labor investigador dos corpos de seguridade. Souberon ademais que o grupo xa abandonara Galicia.
Poucos días despois, a Garda Civil detecta novamente a presenza destas persoas na zona de Boimorto, polo que se establece un dispositivo de vixilancia sobre eles composto por efectivos do Equipo ROCA e do Posto de Boimorto.
Destacan que o grupo tivo que eludir as fortes medidas de seguridade adoptadas polo grupo, contravixilancias, paradas prolongadas, contramarchas e manobras evasivas en rotondas, entre outras.
No transcurso dese operativo os gardas civís actuantes, ante a sospeita de que perpetraran o roubo de cable, procederon a interceptar a furgoneta utilizada polo grupo, achando no seu interior gran cantidade de cable de cobre xa pelado, oculto baixo mantas e plásticos.
Os gardas civís detiveron os dous ocupantes da furgoneta como presuntos autores dun delito de roubo, outro de pertenza a grupo criminal e procederon á incautación do vehículo e os efectos atopados.
Tras a detención do primeiro vehículo, a outra furgoneta que se atopaba nas inmediacións emprendeu a fuga a gran velocidade. Así, a Garda Civil iniciou o seu seguimento por estradas secundarias ata a estrada N-634, no termo municipal de Teixeiro, onde foi interceptada no dispositivo establecido nas inmediacións do acceso á autovía A-6, vía pola que tiñan previsto abandonar Galicia.
Unha vez interceptada, a Garda Civil procedeu á detención dos cinco ocupantes como presuntos autores dun delito de roubo, outro de pertenza a grupo criminal e á incautación do vehículo utilizado e as ferramentas e útiles atopados no seu interior.