Atribúenlle a unha muller embarazada varios furtos en Lugo
Os feitos rexistráronse no barrio da Milagrosa e entre as vítimas hai persoas maiores ás que sorprende na rúa
A veciñanza está a alertar da presenza da moza
A moza ten entre 20 e 30 anos de idade, cabelo moreno, media melena e supostamente está embarazada. É a descrición que recolle a nota de difusión que se está a mover no barrio da Milagrosa para alertar da súa presenza.
Hai un mes xa foi denunciada e nos últimos días vírona pola rúa Camiño Real e na zona residencial Casas Baratas.
As vítimas son principalmente persoas maiores, coas que tropeza de maneira intencionada. Momento de confusión que aproveita para collerlles a carteira ou outro obxecto de valor.
"A xente maior adoita ser bastante confiada", explica unha veciña mentres outro grupo lamenta o deterioro que está a sufrir o barrio. "Andamos con moito coidado. Xa non só polos roubos, por pelexas, por todo en xeral coidámonos bastante". "É un barrio que se está acabando" engade outro veciño que leva dende neno no barrio.
A presunta autora está identificada e é coñecida polas forzas da orde.