Publicador de contidos
Publicador de contidos

35 detidos en España, varios deles en Vigo, por estafar 3 millóns de euros a través de fraudes telefónicas

35 detidos en España, varios deles en Vigo, por estafar 3 millóns de euros a través de fraudes telefónicas

Facíanse pasar por empregados de banca e conseguían códigos persoais para sacar entre 100 e 200 euros das contas

A Policía arrestou 83 persoas en España e no Perú e identificou dez mil vítimas

 

Policía Nacional Policía Nacional
G24.gal 12/12/2024 11:34

A Policía Nacional desmantelou unha organización criminal que estafou 3 millóns de euros a través de fraudes telefónicas co método vishing. A operación desenvolveuse en España e no Perú e rematou con 83 detidos en ambos os países e a identificación de 10.000 vítimas.

En total en España os axentes practicaron trinta e cinco arrestos, nas cidades de Madrid, Vigo, Barcelona, Mallorca e Salamanca. Todas estas persoas eran as encargadas de realizar retiradas de efectivo e branquear o diñeiro estafado, segundo informou a Xefatura Superior de Policía de Madrid.

Os membros da organización dedicábanse a roubar os datos persoais das vítimas. Traballaban desde centros de chamadas e, facéndose pasar por empregados de entidades bancarias, lograban que as vítimas lles facilitasen os códigos necesarios para realizar extraccións de diñeiro, normalmente de entre 100 e 200 euros.

Nos call center do Perú conseguían os códigos das vítimas e en España retiraban o efectivo dos caixeiros

A investigación iniciouse en agosto de 2022. A Policía detectou unha rede organizada baixo unha estrutura piramidal liderada por un individuo do Perú. Tiña baixo o seu mando tres persoas que controlaban tres centros de chamadas distintos onde traballaban 50 persoas.

Estes facíanse pasar por empregados de entidades bancarias e, tras gañar a confianza das vítimas, accedían aos seus datos bancarios e ás súas claves facéndolles crer que tiñan un cargo fraudulento e que debían desbloquear a súa conta.

Conseguidos os códigos, os operarios enviábanos aos membros da organización situados en España, que se dedicaban á retirada do efectivo nos caixeiros automáticos.

Eles quedaban cunha porcentaxe que oscilaba entre o 20 e o 30 %. O resto transferíano á organización do Perú por medio de empresas dedicadas ao envío de efectivo a outros países.

En total, a Policía detivo 83 persoas: 35 en España e o resto no Perú. Interviñeron diñeiro, teléfonos móbiles, dispositivos informáticos, así como documentación relativa a estas estafas.

A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións ou a aparición de máis vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade