Cae un grupo criminal dedicado ao roubo con forza en vivendas habitadas en Ourense
Cinco dos nove detidos, entre eles o líder, pasarán este venres a disposición xudicial en Ribadavia
Nos rexistros, os axentes acharon 10 quilos de haxix, máis de 2.100 plantas de marihuana e 7.300 euros en efectivo
A Garda Civil detivo nove persoas por pertencer supostamente unha organización criminal dedicada ao roubo con forza en vivendas habitadas da provincia de Ourense.
Cinco dos nove detidos, entre eles o líder, pasarán este venres a disposición xudicial en Ribadavia. Todos eles son de orixe albanesa e marroquí
Segundo informa a Benemérita, a investigación comezou tras varios roubos de xoias e diñeiro por un valor de 500.000 euros en 14 vivendas das localidades de Avión e de Beariz.
Na operación, denominada Vertixe, os axentes efectuaron oito rexistros domiciliarios en Barcelona, Tarragona e Castelló, incautándose dúas pistolas, 2.100 plantas de marihuana e varios efectos utilizados nos roubos.
Ademais, acharon 10 quilos de haxix, 100 quilos de cogollos e 7.300 euros en efectivo, así como lámpadas e material para plantacións indoor.
Segundo trasladou en rolda de prensa a Garda Civil e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o grupo operaba como unha auténtica unidade táctica. O líder, que ingresou nas forzas especiais de Albania aos 18 anos, dirixía todas as operacións desde Tarragona e vivía con luxos, mentres outros membros do grupo residían en condicións de precariedade, algúns en caravanas ou como okupas.
Durante os roubos en Galicia, o grupo desprazábase en pequenos equipos de catro persoas. Dous deles accedían ás vivendas, un actuaba como vixiante, e o cuarto, responsable de loxística, encargábase de comprar alimentos e material necesario para pernoitar no monte.
O último nunca realizaba as súas tarefas en Ourense, senón que viaxaba a provincias limítrofes para comprar ou encher. O 20 de xullo, este membro foi localizado enchendo combustible fora de Ourense. Ademais, segundo sinalou o capitán da Unidade de Policía Xudicial da comandancia de Ourense, Juan José Castro, adquiriu unhas zapatillas cuxa talla e modelo coincidían coas pegadas atopadas nunha das vivendas asaltadas.
Esquivou tres dispositivos policiais
Tras os roubos en Galicia, a Garda Civil despregou o mesmo 20 de xullo un operativo en Miranda de Ebro (Burgos), para pillalos na súa volta a Cataluña, pero este foi esquivado polos sospeitosos. Lograron esquivar o dispositivo e escapan no territorio entre as provincias de Álava e Burgos. O líder, ante esta situación, viaxou de urxencia desde Tarragona ata a zona nun coche de seguridade.
Despois da súa chegada volven emprender a viaxe ao redor das 02.30 da mañá do día 21 e tamén se establece outro dispositivo en Zaragoza, cun bloqueo, pero logran dar a volta e escapar en sentido contrario.
Realizouse outro en Lleida e tamén o sortearon, conseguindo escapar tres dispositivos destas características na mesma noite, o que evidenciou a súa experiencia e capacidade para evadir a vixilancia policial.
A partir do 21 de xullo, a investigación centrouse en Cataluña, onde se intensificou o seguimento ata culminar coa localización de todos os integrantes. Os labores foron dificultadas polos seus cambios constantes de vivenda e localización, ademais do descoñecemento real da súa identidade, ao contar moitos dos membros con varias identidades.
Os detidos foron localizados en Ourense, pero no momento da súa identificación déronse á fuga, sendo detidos finalmente en varias provincias españolas como Barcelona, Tarragona e Castelló.
Impútanselles 14 delitos de roubo con forza en vivenda, pertenza a organización criminal, tráfico de drogas, branqueo de capitais, un delito contra a seguridade do tráfico e atentado a axentes da Autoridade.
Todos eles pasarán á disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Ribadavia.