Desartellan unha organización que explotaba mulleres en pisos da Coruña e doutras comunidades
Deteñen cinco persoas en Bilbao e Xixón por trata de mulleres colombianas ás que ían rotando por diferentes lugares cada 15 días
A Policía Nacional desmantelou unha organización criminal dedicada á trata e explotación sexual usando pisos prostíbulo en seis comunidades, entre elas Galicia, establecida na Coruña.
No operativo detiveron cinco persoas, tres delas en Bilbao e outras dúas en Xixón, e rematou coa posta en liberdade de 18 mulleres.
Segundo informou a Policía nun comunicado, realizáronse tamén sete rexistros domiciliarios onde comisaron 12.245 euros en efectivo, nove teléfonos móbiles e documentación incriminatoria dos delitos, ademais de ser bloqueadas dez contas bancarias.
Os detidos xestionaban pisos prostíbulo de forma temporal ou estable nas comunidades de Galicia (A Coruña), Cantabria (Santander), Asturias (Oviedo e Xixón), País Vasco (Bilbao, San Sebastián, e Vitoria), Navarra (Pamplona) e Castela e León (Burgos, León e Ponferrada), onde levaban unha actividade "itinerante", segundo describen os axentes.
As mulleres, de orixe colombiana, eran captadas mediante falsas ofertas de traballo en España e despois facilitábaselles o traslado á Península, onde se lles impoñía unha débeda de entre 4.500 e 5.000 euros (aínda que a unha chegáronselle a esixir ata 8.000 euros), que debían saldar exercendo a prostitución mentres eran obrigadas a tomar estupefacientes para aumentar o tempo de prestación de servizos sexuais.
A Policía Nacional comezou a investigación en 2024 por mor do testemuño dunha vítima que fora enganada para exercer a prostitución en Santander. Tras esta declaración descubriuse unha rede criminal dividida en tres ramas delituosas que mantiñan colaboración entre elas.
Na declaración descríbese como as mulleres estaban obrigadas a estar dispoñibles as 24 horas do día, sete días á semana, sen posibilidade de negarse a atender os clientes. Ademais, eran sometidas a unha rotación quincenal entre os pisos que controlaba a organización, dificultando o seu asentamento e aumentando a súa vulnerabilidade.
A investigación tamén desvelou que as vítimas sufrían agresións físicas cando se negaban a traballar e eran obrigadas a abrir contas bancarias no seu nome que eran utilizadas polos criminais para mover diñeiro de forma encuberta.