Desartellada unha das grandes redes galegas de distribución de cocaína
Incautáronse de 220 quilos de cocaína agochados no zulo dunha granxa de cabalos en Vilagarcía
A Audiencia Nacional enviou a prisión catro dos dez detidos na operación denominada Carplaya
A Garda Civil dá por desartellada unha das grandes redes galegas que distribuía cocaína por toda España. Incautáronse de máis de 200 quilos de cocaína agochados no zulo dunha granxa de cabalos en Vilagarcía de Arousa.
Houbo que sacar os cabalos da corte para atopar, ben agochado dentro, o habitáculo onde se ocultaban parte dos 220 quilos de cocaína da operación Carplaya. Era un dos quince rexistros efectuados en Pontevedra e Lugo para desartellar unha das grandes redes galegas de distribución de cocaína.
A Unidade contra o Crime Organizado da Garda Civil comezou a investigación hai un ano. Os sospeitosos, sen ingresos coñecidos e propietarios de sociedades ruinosas, levaban un tren de vida alto con viaxes exclusivas e compras de coches e bens de luxo.
Coches con dobre fondo
Movían a cocaína dende Vilagarcía por toda a península en coches manipulados con sistemas sofisticados para ocultar a mercadoría. Usaban tecnoloxía de mensaxería encriptada para comunicarse e sistemas de inhibición con detectores de frecuencia de última xeración.
Os membros da presunta organización criminal teñen vínculos familiares uns con outros. O xuíz da Audiencia Nacional que instrúe a causa enviou catro dos detidos a prisión. Cinco quedaron en liberdade baixo fianza e o décimo, libre con medidas cautelares.
Na operación Carplaya os axentes tamén se incautaron de 640.000 euros en efectivo e inmobilizaron outros catro millóns en contas, sociedades, bens inmobles e embarcacións.
