Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desaparece a cruz do miradoiro do monte Xiabre, en Vilagarcía

Desaparece a cruz do miradoiro do monte Xiabre, en Vilagarcía

O Concello sospeita dun acto vandálico e a busca pola contorna

Fixérona hai 50 anos os rapaces da escola de Renfe de Bamio

G24.gal 27/05/2025 14:10

Era a cruz con mellores vistas da Arousa e os sendeiristas foron os primeiros en botala en falta a pasada fin de semana. Era modesta e pequena, non tiña valor económico, pero atesouraba algo máis valioso: o cariño de veciños como Pepe.

"Eu aínda confío en que apareza. Se alguén a ten que a devolva. É un ferro, non ten valor no mercado, pero para nós ten moito valor sentimental", comenta Xosé Membrives.

Seu pai, profesor da escola de oficios de Renfe en Bamio, promoveu que aqueles rapaces chegados de toda España a deseñaran e a puxeran nunha rocha do cumio.

"Tiñan un taller mecánico, fixérona os rapaces como práctica e colocárona alí, porque paseaban moito polo monte e gustáballes o sitio. Cada ano ían pintala para que non se estragase e no Nadal mesmo lle poñían un nacemento, é un recordo bonito".

Durante anos pasou máis desapercibida, pero no ano 22 o Concello púxoa en valor, coroando as vistas do miradoiro do Xiabre. 

"De feito na inauguración do miradoiro escoitáronse historias incribles sobre a cruz, que se era carlista, que se era da Guerra Civil, e a realidade era que a puxeran os rapaces de Renfe".

Agora búscana entre o mato, por se os vándalos a deixaron tirada despois de serrala. É posible que se non a atopan, o Concello encargue unha réplica. Sexa copia ou orixinal pagará a pena visitala, porque o que non poderá roubar ningún ladrón son as espectaculares vistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade