Desaloxados do seu refuxio os ladróns de bares na Pobra do Caramiñal
Os hostaleiros, un deles con vinte asaltos sufridos, cren que volverán en calquera momento
Na zona dos xardíns de Valle Inclán da Pobra do Caramiñal é raro o establecemento que non sufrira un roubo nos últimos meses, algún foi a fin de semana pasada. A acción policial conseguinte levou ao desaloxo desta vivenda da mesma zona en que vivían supostos autores dos roubos. A porta estaba hoxe con cadeados. Nos baixos do mesmo bloque de casas hai dous bares. Os seus donos, Armando e Javier, fálannos do padecemento que teñen:
"Vai máis de vinte veces que me entraron. Tiven que enreixar todo e por todas as ventás enreixadas, por todas me entraron", di o dono do bar Gelys.
O propietario do Alameda fala do alcance dos asaltos: "Todos. Tres e catro veces cada local, e estamos a aburridos. E estamos cansos este ano de tantos roubos. Pasan por aquí por diante e rinse de nós".
Din que a maior parte das veces custa máis reparar os estragos que o valor do roubado. E, sobre todo, quéixanse do estrés que a situación lles xera:
"Chego á casa e psicoloxicamente estou como agardando que me chamen pola alarma para ter que vir outra vez ás cinco ou seis da mañá. Xa nin dormes ben... séntese bastante, moito. Cóllenos e, practicamente ao día seguinte volven estar por aquí. Ou sexa, que estamos na mesma sempre", afirma Armando, o propietario do Gelys.
Sobre cal sería a solución, o dono do Alameda, Javier sinala: "Tería que haber un pouco máis de man dura. Se entrasen na casa da xuíza ou así, seguro que os metía unha tempada alí, pero como é na casa dos demais, non pasa nada".
Sospeitan que reaparecerán coas súas accións en calquera momento.