O Lugo salva un punto ante o Barakaldo (2-2)
Os de Yago Iglesias suman cinco xornadas consecutivas sen perder pero estragan a ocasión de durmir en postos de play off
Nico Reniero acadou a igualada desde o punto de penalti a cinco mintos do final
Club Deportivo Lugo e Barakaldo empataron a dous tantos nun partido repleto de alternativas e disputado a un alto ritmo de xogo por parte dos dous conxuntos. O primeiro en golpear foi o equipo vasco. Despois dun bo inicio dos albivermellos, unha xogada por banda esquerda foi finalizada por Víctor San Bartolomé para adiantar os seus no marcador. O Lugo reaccionou ben e oito minutos despois Nico Celorio igualaba o partido cun gran disparo desde fóra da área. Pouco tempo tivo para celebrar o empate xa que no seguinte ataque Huidobro volvía a poñer por diante o conxunto aurinegro.
Tras o descanso, o Barakaldo amosouse algo máis conservador pero ameazaba con rápidas contras a meta local. Desa forma chegaría a mellor ocasión deste período para os visitantes. O senegalés Mandiang plantouse na área local pero o seu disparo atopouse coa excepcional intervención do cancerbeiro Iker Piedra. Yago Iglesias moveu pezas e o Lugo recuperou a iniciativa do partido coa entrada de Jorge, Carbonell, Samanes e Reniero. Sería o arxentino o máis incisivo é o que aproveitaría un penalti para acadar a igualada definitiva.
Empate que deixa un sabor agridoce no conxunto lucense. Suman cinco xornadas sen perder pero desaproveitan a ocasión de durmir esta noite en postos de play off de ascenso á segunda división.