Derradeira xornada para visitar Pazolandia
O gran parque de atraccións do Nadal en Ourense bota o peche tras recibir máis de 25.000 visitantes
Custa recoñecer no pavillón de Deportes Paco Paz a cancha que habitualmente acolle os partidos do Club Ourense Baloncesto. Nin rastro de canastras ou parqué, hoxe aquí todo vai sobre raís: "O Tigre, que vai superrápido, para atrás e para adiante". "E un coche que dá voltas, moi chulo". "O que máis me gustou foi subir aos coches de choque", comentan varias cativas sobre as atraccións de Pazolandia.
Tamén hai realidade virtual e videoxogos, unha oferta adaptada aos novos perfís. E talleres: de maquillaxe, repostería, globoflexia... "Fíxome unha palmeira cun mono colgado", di un neno. "Eu veño de facer unhas galletas alí arriba", engade outro.
25.000 persoas
É a novena e derradeira xornada de Pazolandia, que regresou cunha grande acollida tras a interrupción da pandemia. Máis de 25.000 persoas, segundo a Deputación, pasaron por estas instalacións, ao longo das dúas semanas de Nadal.