Noé Carrillo e Álvaro Ferllo danlle tres puntos de ouro ao Depor ante o Leganés (2-1)
O partido rematou tras unha tremenda lea provocada polo discutido penalti asubiado por Alejandro Ojaos na prolongación
Álvaro Ferllo salvou ós herculinos ao despexar o lanzamento desde os once metros de Diawara
Antes o canteirán Noé Carrillo colocaba o definitivo 2-1 nada máis entrar no terreo de xogo
O Deportivo da Coruña volve a postos de ascenso directo tras derrotar ao Leganés, 2-1, nun partido que puido empatar o equipo madrileño no tempo de prolongación. Un controvertido penalti sinalado polo colexiado a instancias do VAR tras varios minutos para a toma de decisión foi lanzado por Diawara e detido por Ferllo deixando os tres puntos en Riazor.
A entrada do equipo herculino no partido foi moi boa. Os primeiros quince minutos foron de dominio abafante dos locais con dúas boas ocasións nas botas de Bil Nsogo que o camerunés non soubo concretar. Co paso dos minutos os madrileños foron asentándose sobre o céspede de Riazor e levaron perigo en dúas internadas de Naim por banda esquerda que non atoparon rematador. Eran minutos de domimio alterno e Yeremay estivo a piques de adiantar os seus pero o seu disparo con rosca non colleu portería. Pouco despois sería Lucas Noubi quen conectaría unha voleaque topou a boa resposta do meta visitante Juan Soriano. Antes do descanso, e de novo pola banda esquerda, Juan Cruz e Naim volveron a inquedar a portería de Álvaro Ferllo.
No primeiro minuto da segunda metade o colexiado sinalaba penalti a favor do Depor tras unha teórica man dentro da área de Ignasi Miquel. Riazor celebraba pero o VAR anularía a decisión de Alejandro Ojaos deixando os herculinos sen a opción de adiantarse no marcador. Movía peza Hidalgo e entraba no terreo de xogo Zaka no lugar de Ximo navarro para xogar con dous dianteiros. E o troco foi atinado porque pouco despois o dianteiro holandés aproveitaría un centro de Luismi Cruz para adiantar aos seus no marcador. Pero rapidamente empataría o cadro madrileño cun bo disparo desde a frontal de Juan Cruz. Volvía a mover ficha Antonio Hidalgo e entraba no terreo de xogo o canteirán Noé Carrillo. E de novo atinaba o adestrador deportivista porque o recién incorporado anotaba o segundo gol nada máis entrar no terreo de xogo. Non se viña abaixo o cadro madrileño e Andrés Campos volvía a asustar a parroquia deportivista cun disparo que petou no pau traveseiro da meta coruñesa. E na prolongación chegaría a xogada polémica. O colexiado sinalaría penalti a prol do Leganés , a instancias do VAR, despois de dez minutos de deliberación. Diawara encargouse de lanzalo pero Álvaro Ferllo atinou a intención do xogador ghanés e evitou o empate dos pepineiros.