Reparten 60 toneladas de palla dende o aire para alimentar animais das zonas afectadas por incendios
Reparten 60 toneladas de palla dende o aire para alimentar animais das zonas afectadas por incendios
Cada paca, de 200 quilos de peso, permitirá que non lles falte a comida durante todo o outono
Tamén se segue repartindo alimento por terra, tanto palla como cereais e sal
Seguen as iniciativas para recuperar a natureza despois dos incendios do verán. Na comarca de Valdeorras estanse repartindo xa 40.000 quilos de palla e cereais para alimentar a fauna silvestre. Estes días o repartimento faise desde o aire para poder chegar ás zonas de difícil acceso. Tamen se vai actuar desde terra, o esparexido da palla é unha técnica coa que non so se garante o alimento dos animais tamén se protexe o chan dos arrastres.
O helicóptero sobrevoa as zonas queimadas polo lume en busca das áreas onde queda vexetación e onde se resgardou a fauna. Son zonas de difícil acceso as que só se pode chegar con medios aéreos.
"Hai moitas valgadas e ladeiras onde resistiu o bosque autóctono e se refuxiou a fauna", explica o subdirector de Espazos Naturais, Tomás Fernández Couto.
En cada voo o helicóptero transporta unha tonelada de palla. Coa técnica do mulching non só se garante o alimento dos animais, tamén se crean franxas de protección do solo.
"Dependendo da altura a que fagamos a descarga máis esparexida queda a palla, canto máis próximos esteamos do chan queda máis amoreada", di Adolfo Sánchez, piloto do helicóptero.
Estes días o repartimento faise desde o aire, pero tamén se volverá a facer por terra para o que se pon en marcha un programa de voluntariado.
"Imos traballar as fins de semana de outubro e novembro con voluntarios", explica a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.
Vanse repartir uns 40.000 quilos de palla e cereais para garantir o alimento das poboacións de herbívoros e aves, pero da que tamén se aproveitan outras especies.