Publicador de contidos

Publicador de contidos

Actívase o Plan de Protección da praia das Catedrais que limita os accesos ao areal

Actívase o Plan de Protección da praia das Catedrais que limita os accesos ao areal

Para poder acceder ao areal é preciso facer unha reserva

O día do eclipse total a praia estará pechada por motivos de seguridade

G24.gal 01/07/2026 14:48

Dende este mércores xa só se pode acceder á praia das Catedrais a través de reserva. Actívase o plan de protección da praia. Son 4.812 pases diarios dende hoxe ata o 30 de setembro.

A metade das reservas desta temporada xa están descargadas. De feito hai días coma a ponte do Carme, en xullo, que están xa esgotadas.

Esta temporada tamén vai haber un control máis estrito no acceso aos cantís e aos arcos. Hai zonas nas que está prohibido pasear, e non cumprir a norma é sancionable.

O monumental perfil que a erosión deu aos cantís deste areal fai que sexa a catedral máis visitada de Galicia despois da de Santiago. Trátase dun ecosistema delicado. A Xunta estableceu no 2015 un plan de conservación que regula os accesos diarios de persoas durante os meses de verán e Semana Santa. A entrada é de balde, pero é preciso reservar. 

"Case todo o mundo ven xa coa reserva feita. E se non os axudamos aquí", di unha das traballadoras que regula o acceso.

"É moi facil, di unha usuaria, entras na páxina da Xunta e xa te indica".

Sen dúbida unha das praias máis fotografadas do mundo. Marco natural incomparable para un retrato grupal, un bo selfie ou para o álbum de voda. 

E como Ribadeo é un dos lugares onde máis vai durar a eclipse total, as entradas para o 12 de agosto estaban xa esgotadas. Porén, por motivos de seguridade, non esquezamos que o aeral desaparece coa marea alta, decidiuse ese día pechar o acceso. Poderá contemplarse no alto dos cantís e seguir a través dunha pantalla xigante as explicacións dun catedrático de astronomía sobre o fenómeno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade