Deixan sen pagar unha factura de 89 euros nunha pizzería en Lugo
Unha familia de seis persoas pediu aperitivos, pizzas, pasta e sobremesas
Unha muller alegou que non pagaba en protesta polo servizo e cando chegou a policía dixo que quería facelo pero que o datáfono non recoñecía a súa tarxeta
A comida das mesas 8 e 9 da terraza acabou sendo indixesta. Sobre todo para o persoal da pizzería Peppino Century de Lugo. Unha familia de seis persoas pediu dous aperitivos, pasta, tres pizzas e sobremesas. Viñan con fame. Eran finos no gusto e esixentes no trato. "Protestaron varias veces", conta Lorena Lombardero. "Que se querían as pizzas antes que a pasta, que se a pasta estaba mal cocida...".
Libro de reclamacións
As esixencias foron subindo de intensidade cando a muller pediu o libro de reclamacións. "Berraba e insultábanos. Aí démonos de conta de que tiña un plan para non pagar porque fóra xa non quedaba ningún dos outros cinco comensais", recorda a traballadora. O dono do local chamou a Policía Local. A muller mudou de versión ante os axentes. Díxolles que o problema era da pizzería porque ela quería pagar pero que non tiña cartos soltos e o datáfono non recoñecía a súa tarxeta de crédito.

Denuncia por impago
Os axentes tomáronlle declaración ao persoal do local e levaron a muller. En teoría ía ir pagar antes das dez da noite, pero na pizzería aínda están esperando por ela... O dono puxo unha denuncia por impago. É o segundo caso deste tipo que sofren no último mes.