Publicador de contidos

Publicador de contidos

Defensa e Navantia asinan a orde de execución para o novo buque da Armada

Defensa e Navantia asinan a orde de execución para o novo buque da Armada

O barco construirase no estaleiro de Navantia en Ferrol e custará 650 millóns 

Suporá unha carga de traballo para catro anos e dará emprego, entre directo e indirecto, a 1.800 traballadores

G24.gal 10/06/2025 17:52

A secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, e o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, asinaron este martes a orde de execución do novo buque de aprovisionamento de combate para a Armada, que recibiu o visto e prace do Consello de Ministros a finais de maio.

O deseño do barco, que custará 650 millóns de euros, contempla unha eslora de case 174 metros, 23 de manga e un desprazamento a plena carga aproximado de 20.000 toneladas. Construirase no estaleiro de Navantia en Ferrol e basearase no deseño do buque A-15 Cantabria (2010), actualmente en servizo na Armada.

Segundo informou o Ministerio de Defensa nun comunicado, implicará tres millóns de horas de traballo durante catro anos e dará emprego entre directo e indirecto a 1.800 persoas. Supoñerá ademais unha elevada participación da industria española, con máis de 300 empresas con sede no país.

O buque poderá almacenar e transportar combustible para outros buques e aeronaves, auga e víveres, ademais de municións e repostos. Ademais, poderá ofrecer apoio médico e á proxección de operacións especiais e, mesmo, transportar material para a súa almacenaxe en contedores de cuberta.

Substituirá o buque loxístico A-14 Patiño entregado á Armada en 1995 e aínda en servizo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade