Publicador de contidos

Publicador de contidos

Navantia-Windar entrega a Iberdrola os últimos monopilotes dun parque de eólica mariña no Báltico

Navantia-Windar entrega a Iberdrola os últimos monopilotes dun parque de eólica mariña no Báltico

As pezas miden ata 84 metros de lonxitude, 10 metros de diámetro e pesan ata 2.100 toneladas, e supuxeron a creación de máis de 300 postos de traballo

G24.gal 06/08/2025 10:29

Iberdrola recibiu os últimos monopilotes para o seu parque eólico mariño Windanker, en augas alemás do mar Báltico, fabricados por Navantia-Windar.

Tras as construídas para East Anglia 3, as pezas, fabricadas por Navantia Seanergies e Windar Renovables, supoñen o segundo contrato de monopilotes da alianza Navantia-Windar para a eléctrica e súmanse aos xa executados previamente no Reino Unido, Alemaña, Francia e os Estados Unidos, froito dunha colaboración estratéxica que supera os 1.000 millóns de euros en encargos durante os últimos dez anos.

En concreto, a produción destas cimentacións levouse a cabo na fábrica de monopilotes que ambas as compañías operan conxuntamente no estaleiro de Navantia Seanergies en Fene.

José Carlos Álvarez, director de proxectos offshore de Windar, explicaba este mércores no informativo Bos días que estas estruturas "se ancoran ao fondo mariño para soster o aeroxerador. Hai distintas solucións dependendo da profundidade e da dureza do solo".

En concreto as que agora se entregan a Iberdrola son pezas que miden ata 84 metros de lonxitude, 10 metros de diámetro e pesan ata 2.100 toneladas, e supuxeron a creación de máis 300 postos de traballo.

Álvaro Yañez, director de monopilotes de Navantia Seanergies, afirmaba que o proxecto "dá continuidade, e creo que ten un futuro de longo prazo. En xeral, a nivel industrial, non só a nivel local, senón de Galicia, que xa foi pioneira no seu momento, dá continuidade a un negocio das renovables, que xa non para".

O pedido forma parte do acordo marco ao que as compañías chegaron no verán de 2021 para a fabricación e a subministración de cimentacións tipo monopilote XXL.

As compañías destacaron que esta alianza "reforzou o papel tractor de Iberdrola na industria local, e dotou de estabilidade e certeza ao consorcio Navantia-Windar para construír unha fábrica deste tipo de pezas, as máis demandadas dentro do sector das cimentacións mariñas fixas, nos terreos do estaleiro de Navantia Seanergies en Fene".

"Temos, posiblemente, o que sexa único provedor do mundo capaz de fabricar calquera tipo de fundacións offshore de calquera tipo, e podemos estar orgullosos do camiño percorrido", concluía José Carlos Álvarez.

Investimento de 36 millóns na adaptación da fábrica

As actuacións nesta fábrica supuxeron o investimento de 36 millóns de euros para a adaptación dunha nave que permite curvar chapa de grande espesor e de ata 12 metros de diámetro, novas cabinas de pintado e zonas de almacenamento para produto terminado, así como a incorporación de equipos de última tecnoloxía necesarios para a fabricación.

O parque eólico mariño de Windanker, localízase en augas alemás e forma parte do hub que Iberdrola está a construír no Mar Báltico, que sumará máis de 1.100 megawatts (MW) de potencia instalada e un investimento conxunto de 3.500 millóns de euros.

Deste hub tamén forman parte os parques Wikinger (350 MW), xa en operación, e Baltic Eagle (476 MW), que recentemente tamén foi posto en marcha.

Cando Windanker entre en funcionamento, en 2026, contará cunha capacidade de 315 MW. O parque contará con turbinas de nova xeración cunha potencia unitaria de aproximadamente 15 MW.

O presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, expresou o seu agradecemento a Iberdrola "pola confianza depositada unha vez máis en Navantia Seanergies, e tamén no socio Windar".

"O pasado decembro Navantia celebraba unha década de eólica mariña contada desde un primeiro contrato con Iberdrola. Desde entón fornecemos a Iberdrola cimentacións e subestacións offshore para os seus parques eólicos, o que contribuíu a reforzar o desenvolvemento da cadea de subministración nacional", sinalou.

Pola súa banda, o presidente executivo de Windar Renovables, Orlando Alonso, valorou este pedido de Iberdrola como "unha evidencia do alto nivel de calidade dos produtos e a fiabilidade dos procesos e a colaboración con Navantia Seanergies desde fai máis de nove anos".

"Neste sentido, traballamos día a día para posicionar esta alianza estratéxica empresarial e a nosa compañía na vangarda dos novos desenvolvementos de enerxías renovables no mercado europeo e a nivel internacional", engadiu.

Mentres, o director de Eólica Mariña de Iberdrola, Álvaro Martínez, subliñou que esta entrega "é unha mostra máis da vocación tractora" do grupo co tecido industrial español.

"Levamos máis de 10 anos impulsando a xeración eólica mariña no mundo e sempre tratamos de desenvolver todos os nosos proxectos, ademais de con industria local, con empresas españolas e con acordos a longo prazo, o que achega estabilidade, visibilidade internacional e certeza aos nosos provedores, xerando actividade e postos de traballo de forma sostida", afirmou.

Traballos para East Anglia 3

En paralelo á finalización do proxecto de Windanker, Navantia Seanergies e Windar Renovables traballan actualmente tamén para Iberdrola na fabricación de monopilotes para o parque eólico mariño East Anglia 3, situado en augas do Reino Unido e que formará parte do complexo East Anglia Hub, que alcanzará os 2.900 MW de capacidade instalada.

No marco deste proxecto, a alianza Navantia-Windar constrúe 45 monopilotes en Fene, mentres que Windar Renovables fabrica as 95 pezas de transición na súa planta asturiana de Avilés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade