Defensa compra a Urovesa preto de 50 vehículos por máis de 20 millóns
A compañía, con sede en Valga, proverá o Estado de 22 vehículos de alta protección bivalentes, 24 unidades bivalentes BN1 e dous vehículos paracaidistas

O Ministerio de Defensa adxudicou á empresa galega Urovesa dous contratos para a compra de preto de 50 vehículos militares por máis de 20 millóns de euros.
Así figura na Plataforma de Contratación do Sector Público en senllas adxudicacións realizadas polo Estado a finais de xullo. Estas licitacións parten da Xefatura de Asuntos Económicos do Mando de Apoio Loxístico.
Por unha banda, Defensa destina 13,5 millóns de euros á adquisición de 22 vehículos de alta protección bivalentes. Ademais, o Ministerio encarga a Urovesa a compra de 24 unidades bivalentes BN1 e dous vehículos paracaidistas. Neste caso a adxudicación é por 9,2 millóns de euros.
Urovesa é unha empresa provedora das Forzas Armadas de España desde 1984 que na actualidade traballa en 30 países. Prevé unha ampliación das súas instalacións en Valga para duplicar a súa produción e contratar unhas 150 persoas de forma directa.