Darias asegura que "estamos máis preto" de retirar a máscara en interiores
A ministra de Sanidade dixo que España está nuns niveis de indicadores epidemiolóxicos "razoablemente estables"
Pediu manter a "prudencia" e seguir cumprindo coas recomendacións marcadas desde os organismos competentes
A ollada está posta nas datas de Semana Santa, pero a ministra de Sanidade segue sen concretar cando se eliminará a obrigatoriedade de usar máscara nos espazos interiores.
Este sábado Carolina Darias destacaba que España está nuns niveis de indicadores epidemiolóxicos "razoablemente estables" pero mantiña a cautela.
"Sempre a prudencia nos vai permitir que sigamos avanzando. Onte coñecemos o informe do novo sistema de vixilancia, que vén a dicir a estabilización da incidencia e a consolidación dos indicadores de ocupación hospitalaria. Iso significa que seguimos avanzando na boa dirección", dixo a ministra.
Ante a insistencia dos xornalistas, a titular de Sanidade volveu asegurar que xa queda menos para a fin das máscaras nos interiores, pero sen precisar en que momento se aprobará esta medida.
"Desde logo estamos máis preto, pero xa chegará", asegurou Carolina Darias.
Aseverou que España ten un "altísimo nivel" de vacinación, por riba dos países da súa contorna. Aínda así, pediu manter a "prudencia" e seguir cumprindo coas recomendacións marcadas desde os organismos competentes.