Dani Barcia deu a gran sorpresa no Campionato de Galicia de Descenso
Dani Barcia: "Miña nai dime que vaia máis despacio, e meu pai que o dea todo"
Ás veces o talento xorde de xeito precoz. Dani Barcia ten só 13 anos e parece que naceu sobre dúas rodas e a toda velocidade.
O Campionato de Galicia de Descenso 2025 rexistrou un dobre fito. Por primeira vez contou con televisión en directo e tampouco hai ningún precedente de que o mellor tempo da xornada o marcase un rider da categoría Infantil.
Ese abraiante scratch alcanzouno Dani Barcia, o corredor vigués do THC Bike que fixo saltar a banca o pasado domingo no DH A Fracha. Subcampión de Europa este verán, Dani Barcia exhibiu o seu talento.
"Miña nai dime que vaia máis despacio, e meu pai que o dea todo"
Marcou un tempo estratosférico para a categoría Infantil, batendo por 11 segundos ao seu compañeiro de equipo Kike Cerqueiro, e o seu rexistro na quenda final de 1:54,005 non o puido rebaixar ningún do centenar de pilotos de máis idade que se lanzaron pola Fracha a continuación do mozo do THC Bike.