Cuba sofre outro apagamento nacional en menos de 24 horas por "eventos meteorolóxicos"
En marzo pasado, a illa sufriu dous apagamentos nacionais por unha desconexión total do Sistema Enerxético Nacional en menos dunha semana, e en xullo sumáronse outros tres en apenas oito días
Norlys Pérez/Reuters
O Sistema Electroenerxético Nacional (SEN) de Cuba rexistrou este luns un novo apagamento nacional, o segundo en menos de 24 horas e o sétimo que lle afectou toda a illa no que vai de 2026, cando iniciara o proceso de recuperación o servizo.
A compañía estatal Unión Eléctrica (UNE) informou nas redes sociais que o novo fallo se produciu na tarde deste luns durante o proceso de restablecemento por mor de "eventos meteorolóxicos" que provocaron afectacións sobre a rede eléctrica, o que incidiu "directamente nas unidades xeradoras que se atopaban en liña", que saíron de servizo.
"Continuamos traballando intensamente para reverter esta situación e lograr o restablecemento do sistema canto antes", engadiu a mensaxe da empresa, pertencente ao Ministerio de Enerxía e Minas (Minem).
A véspera, ás 4:43 hora galega, ocorrera unha desconexión total do SEN, segundo reportou a empresa eléctrica, que indicou de seguido que xa se iniciaran as tarefas de recuperación.
Este luns, a UNE indicara que na Habana se restablecera a electricidade a 29 circuítos de distribución que dan servizo a 87.480 clientes, equivalentes ao 14,27 % da cidade, e tamén a 19 hospitais entre outros servizos vitais como o abastecemento de auga.
Ao respecto, o director do despacho nacional de carga da UNE, Félix Estrada, explicou á televisión estatal que no momento desta última caída estaban a piques de sincronizar ao SEN varias centrais térmicas, e na actualidade retomouse o proceso gradual establecido para restaurar o servizo.
De acordo con situacións similares previas, o restablecemento do Sistema é un procedemento lento e laborioso que pode demorar 24 horas e máis porque supón empezar a xerar enerxía coas fontes de arranque sinxelo (solar, hidroeléctrica, motores de xeración) para ir dando servizo a pequenas áreas que logo se van interconectando.
O obxectivo con ese proceso é levar canto antes a suficiente enerxía ás centrais termoeléctricas, o piar da xeración eléctrica en Cuba, para que estas poidan de novo operar e producir enerxía en grandes cantidades para satisfacer a demanda.
O pasado venres reportouse unha caída parcial do SEN por unha avaría nas liñas de trasmisión de 220 quilowatts desde a provincia de Pinar del Río (oeste) ata as provincias de Matanzas e Cienfuegos (centro) que deixou case a metade da illa sen enerxía eléctrica e uns 4,5 millóns de cubanos sen subministración.
En marzo pasado, a illa sufriu dous apagamentos nacionais por unha desconexión total do SEN en menos dunha semana, e en xullo sumáronse outros tres en apenas oito días.
Cada caída nacional destes últimos meses deixou sen corrente a maioría dos nove millóns de habitantes da illa.
A crise enerxética cubana débese á escasa capacidade de produción eléctrica do país e á presión estadounidense, que non permite que a illa importe cru ou derivados cando precisa adquirir no exterior ao redor da metade das súas necesidades enerxéticas.
O Goberno cubano recoñece que a situación do Sistema Electroenergético Nacional (SEN) da illa é "aguda", "crítica" e "extremadamente tensa", marcada tanto polo bloqueo petroleiro estadounidense como por un sistema enerxético profundamente obsoleto.
Segundo diversas estimacións, a illa caribeña precisa algo máis de 100.000 barrís de petróleo ao día para satisfacer as súas necesidades enerxéticas, dos que a illa obtén uns 40.000 coa súa produción nacional. O resto debería obtelos no exterior.
O último petroleiro en chegar a Cuba con cru do exterior foi o ruso Anatoli Kolodkin, un barco sancionado polos Estados Unidos que entrou na baía de Matanzas o 31 de marzo cuns 730.000 barrís de petróleo, e sós alcanzou para cubrir a demanda enerxética da illa por dúas semanas de abril.
A grave situación enerxética en Cuba paralizou case totalmente a economía estatal que se estima vai contraer polo menos un 6,5 % este ano (tras unha caída acumulada de máis do 15 % nos cinco anos previos).