Cortan 140 árbores plantadas hai seis meses na Illa de Arousa
A Policía Local investiga quen estragou a plantación feita para ensombrecer o aparcadoiro da praia do Bao
As árbores plantadas no aparcadoiro da praia do Bao, na Illa de Arousa, semella que seguen á espera de que coa chegada da primavera lles saían as follas. Pero non vai ser así porque, nada máis achegarse a elas, unha tras outra, vese que alguén truncou esa posibilidade.
Os operarios que traballaban na instalación dos cilindros protectores das plantas foron quen descubriron pola mañá este suposto acto de vandalismo.
"Na madrugada do mércores foi cando se produciu, cortando aproximadamente unhas 140 árbores de xeito doloso; con clara intención de facer dano", afirma Ismael Otero, policía local na Illa de Arousa.
Só quedaron íntegras algunhas das liñas próximas ao paseo e á estrada, supostamente, por temor do autor a que alguén o sorprendera na allada. A veciñanza condena esta acción que deixada estragado un investimento público e atrasa o acondicionamento deste espazo: "Paréceme moi mal. Iso é meterse co que non deben, porque as árbores non lle fan mal a ninguén. Iso é algo bonito que fixeron no noso pobo para que a xente desfrute do que hai aquí, bonito", di unha veciña.
Outro afirma que "isto é un acto de covardía pura e dura dun, dous... ou os que foran, camándulas que non teñen nome nin cualificativo".
O presuposto que investiu o Concello neste espazo da praia do Bao Camaxe, de varias ducias de miles de euros, vese deslucido con esta acción. A Policía Local prosegue as pescudas para dar con quen o fixo.
"Hai un abano xa de posibilidades para aclarar e a ver se atopamos quen puido ser", sinala Otero.
Outro feito coma este, aínda que con menos plantas estragadas, tivo lugar meses atrás noutro espazo público da Illa de Arousa.