Corea do Norte confirma por primeira vez o envío de tropas a Rusia para loitar contra Ucraína
O envío de tropas faise ao abeiro do tratado de asociación estratéxica asinado con Moscova en xuño de 2024
Corea do Sur estima que máis de 10.000 soldados norcoreanos foron enviados a Rusia en outubro e outros 3.000 se sumaron nos primeiros meses deste ano

Corea do Norte confirmou por primeira vez este luns que despregou tropas en Rusia para apoiar a súa ofensiva contra Ucraína, en virtude do tratado de asociación estratéxica asinado con Moscova en xuño de 2024.
A axencia estatal norcoreana KCNA citou a Comisión Militar Central do Partido dos Traballadores e dixo que os soldados de Corea do Norte participaron na recuperación da rexión de Kursk, cumprindo unha orde directa do líder Kim Jong-un.
A nota reproduce en gran medida a narrativa propagandística do Kremlin, ao acusar a Ucraína de invadir territorio ruso co apoio de forzas "imperialistas" occidentais e ao describir as tropas norcoreanas como clave na liberación da zona e a aniquilación de forzas neonazis.
A alianza Pyongyang-Moscova estreitouse no último ano
O réxime norcoreano cualificou a operación de Kursk como unha vitoria da xustiza fronte á inxustiza e xustifica a súa participación militar como unha misión sacra para reforzar a amizade con Rusia e defender a honra nacional.
Anuncia a construción dun monumento en Pyongyang en homenaxe aos caídos e medidas estatais especiais para apoiar as súas familias, o cal podería supoñer unha confirmación indirecta da existencia de baixas entre os combatentes norcoreanos.
A confirmación oficial chega apenas dous días despois de que Rusia recoñecese por primeira vez a participación de militares norcoreanos na fronte, nunha videoconferencia entre o presidente Vladimir Putin e o xefe do Estado Maior ruso Valeri Guerasimov.
Corea do Sur estima que máis de 10.000 soldados norcoreanos foron enviados a Rusia en outubro e que outros 3.000 se sumaron nos primeiros meses deste ano. Tamén se informou de miles de baixas norcoreanas e a captura de dous soldados con vida polas forzas ucraínas en xaneiro, segundo imaxes difundidas por Kíiv.
A alianza Pyongyang-Moscova estreitouse notablemente desde a firma do tratado en Pyongyang en xuño pasado, con informes que apuntan a un intercambio de apoio militar por recursos económicos no medio das sancións internacionais que afronta o réxime norcoreano.