Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cinco mortos en Kíiv e outros cinco en Khárkov nun ataque masivo ruso contra Ucraína

Cinco mortos en Kíiv e outros cinco en Khárkov nun ataque masivo ruso contra Ucraína

Segundo o Ministerio de Defensa ruso, o principal obxectivo do ataque, en que as forzas do Kremlin empregaron 70 mísiles e máis de 600 drons, foron instalacións da industria militar ucraína

Zelenski pide unha "reacción contundente" do G7

Impacto do ataque ruso na catedral de Dormición (Reuters) Impacto do ataque ruso na catedral de Dormición (Reuters)
G24.gal 15/06/2026 10:35 Última actualización 15/06/2026 11:18

O Exército ruso lanzou de madrugada contra a capital ucraína máis de 60 mísiles e numerosos drons, nun novo ataque masivo contra Kíiv que alcanzou unha das catedrais máis emblemáticas da cidade e tivo lugar apenas unhas horas antes de que comece na localidade francesa de Évian un cume do G7 en que participa o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

Cinco persoas morreron na capital ucraína pola caída de drons e mísiles rusos. Tamén foi obxectivo do ataque a rexión de Khárkov do nordés de Ucraína, onde cinco rescatistas morreron mentres traballaban nunha infraestrutura industrial que xa fora alcanzada uns minutos antes.

O ministro de Exteriores ucraíno, Andrí Sibiga, dixo na súa conta de X que o ataque masivo ruso é “unha mensaxe” do presidente ruso, Vladímir Putin, ao G7 que deixa claro ás democracias máis industrializadas do mundo a súa “aposta polo terror no canto de pola diplomacia”.

Tanto Sibiga como Zelenski destacaron nas súas condenas do ataque que fose danada a catedral da Dormición de Kíiv, un templo de importancia capital tanto para a relixión ortodoxa como para a historia de Ucraína que forma parte do mosteiro das Covas, cuxa historia data do século XI.

Sibiga chegou a comparar a Rusia co Estado Islámico (EI) pola destrución deliberada de patrimonio histórico considerado herético pola que é coñecido este grupo extremista musulmán.

Zelenski dixo que o ataque ao mosteiro das Covas é “un ataque á comunidade cristiá e ao patrimonio cultural da humanidade”, e pediu que “o mundo non permaneza en silencio a este último acto ruso de barbarie”.

O gobernador militar da rexión de Kíiv, Timur Tkachenko, dixo tras o ataque que alcanzou a catedral que as informacións preliminares apuntaban a un impacto directo do dron ruso que causou un incendio no teito do edificio e destruíu varias das súas cúpulas douradas de menor tamaño.

Un empregado do mosteiro das Covas dixo a EFE que o dron caera sobre a catedral despois de ser interceptado polas defensas aéreas ucraínas.

Ucraína pide ao G7 máis capacidades antibalísticas

O ministro de Exteriores ucraíno coincidiu con Zelenski en reclamar do G7 unha reacción contundente ao ataque que se traduza en máis presión para Rusia e medios adicionais de defensa aérea para Ucraína, que é particularmente vulnerable aos mísiles balísticos rusos.

Dos 34 mísiles balísticos lanzados por Rusia contra Ucraína durante a madrugada as defensas aéreas ucraínas só puideron derrubar 15.

Alén de participar nos actos do cume do G7 propiamente dito, Zelenski ten previsto manter reunións bilaterais en Évian cos principais líderes europeos e co presidente dos EUA, Donald Trump.

Unha das principais prioridades da acción diplomática de Zelenski é conseguir máis sistemas antibalísticos Patriot e mísiles PAC-3 para estes sistemas que permitan a Ucraína protexer as súas infraestruturas dos mísiles balísticos rusos.

Como é habitual por parte de ambos os dous bandos tras este tipo de ataques, Kíiv informou unicamente das infraestruturas civís alcanzadas por Rusia, cuxo Ministerio de Defensa asegurou golpear en Kíiv, Khárkov e Dnipró nove obxectivos de infraestrutura industrial ligada á produción de drons e sistemas de guerra electrónica e varios aeródromos militares.

Segundo a Forza Aérea ucraína, do total de 70 mísiles de distintos tipos e 611 drons impactaron en 42 localizacións distintas non especificadas de Ucraína. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade