Controvertido rescate do catamarán varado na praia muradá de Area Maior

A maquinaria utilizada atravesou o complexo dunar protexido

A Garda Civil investiga se tiñan permiso para operar en Rede Natura

G24.gal 17/11/2023 20:38 Última actualización 17/11/2023 20:51

Os traballos para sacar o catamarán varado da praia de Area Maior comezaron a primeira hora da tarde do venres. Pero axiña se acenderon todas as alarmas. Os traballadores do Concello alertaban de que a empresa contratada pola aseguradora do barco estaba utilizando maquinaria pesada en zona protexida da Rede Natura 2000.


"Avisáronos de que as pas estaban atravesando o complexo dunar de Area Maior. E avisamos a Garda Civil e o Seprona, que son os que teñen competencia en temas ambientais", explicaba María Lago, alcaldesa de Muros.

A investigación determinará se tiñan ou non permiso para actuar nesta zona protexida. Pero os traballos continuaron co apremo de devolver o barco ao mar durante a preamar. Finalmente tres pas conseguiron liberar a area onde estaba atrapado o catamarán.

Sobre as seis da tarde, o barco volvía á auga, onde estivo á valga entre o 23 de xullo e o 9 de novembro cando os temporais o levaron ata a praia de Area Maior. Desta volta terá que ir a dique seco para reparar. Remata así a odisea dun barco pantasma que estivo catro meses sen goberno atravesando o Atlántico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade