Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan un bombeiro forestal tras caer por un desnivel de quince metros

Rescatan un bombeiro forestal tras caer por un desnivel de quince metros

O lugar era en forte pendente e o terreo estaba húmido, o que complicou o rescate, e houbo que sacalo en padiola axudado por unha corda e unhas poleas

O accidente ocorreu cando estaba rozando na beiravía da estrada entre Chantada e Os Peares

G24.gal 12/11/2025 13:54

Traballan nunha zona de bancais, na beiravía da estrada local entre Chantada e Os Peares. Estaban rozando, cando o terreo cedeu, e o bombeiro caeu. Precipitouse a unha altura duns 15 metros.

 "Marchou o terreo e esvarou e caeu nunha zona a distinto nivel", explica Vicente Simón, sarxento do parque de bombeiros de Chantada.

Foron os compañeiros da cuadrilla os primeiros en atendelo e xa viron que non podían sacalo. Na zona hai unha forte pendente, con socalcos, e o terreo estaba húmido e esvaradío. 

"O que fixemos foi baixar unha padiola, e mediante unha corda que nos valeu de aseguramento izado conseguimos sacalo ata a estrada onde foi estabilizado", engade o sarxento dos bombeiros.

Fixeron falta todas as mans, as dos compañeiros, os cinco bombeiros desprazados e a Garda Civil. O ferido tiña múltiples contusións.

"El foi parar a unhas árbores, levou golpe contra o matogueira, así que o máis seguro é que caese de cabeza", di Vicente Simón.

O home foi trasladado ao hospital e, tras pasar unhas horas en observación, foi dado de alta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade