Controlado o incendio que calcinou totalmente tres naves industriais en Narón
Dous traballadores resultaron feridos por inhalación de fume e queimaduras
Houbo quen o perdeu todo no incendio que nas últimas horas se declaraba nun polígono industrial das Lagoas de Narón e outros que case de milagre conseguiron salvar as súas propiedades.
Foron cinco as naves que resultaron afectadas. Tres delas quedaron totalmente calcinadas a consecuencia do lume, que, segundo as primeiras investigacións, se declaraba nunha delas, dedicada ao almacenamento de pinturas e disolventes.
As lapas foron propagándose con gran rapidez e a pesar do gran dispositivo de efectivos de extinción de incendios de varios parques comarcais, o lume non puido controlarse ata entrada a noite. Hoxe son moitos os que lamentan que o polígono industrial non conte cos servizos axeitados para previr este tipo de incidentes.
Ademais dos danos materiais houbo dous traballadores que resultaron feridos. Un por inhalación de fume e outro con queimaduras, que tivo que ser trasladados ao complexo universitario da Coruña.