Publicador de contidos

Publicador de contidos

Controlado o incendio dunha nave industrial en Santa Comba

Controlado o incendio dunha nave industrial en Santa Comba

Sete dotacións de bombeiros da zona tardaron sete horas en controlalo

O lume estragou por completo a estrutura e afectou outra lindeira 

Dous traballadores quedaron feridos 

Un retén de bombeiros queda esta noite de vixilancia 

G24.gal 07/02/2022 21:19

Ás nove da noite, o incendio na nave industrial de aceites usados da empresa Ingaroil quedou controlado, pero non sufocado, malia o arduo traballo de sete dotacións de bombeiros da bisbarra. Aos de Santa Comba, avisados por varios veciños sobre as 11:45, axiña se sumaron os de Cee e Carballo, xunto a Protección Civil e GES doutros lugares.

"Agora mesmo a situación está controlada, de feito, xa desalimentamos a nave de subministracións agrarias, van quedar uns pequenos focos latentes na nave de aceite". "Os focos de aceite están entre os  entullos, entón temos que validar a ver como entramos, ver como está a estrutura, e logo intentaremos extinguilo" cóntanos Mauricio Calvo, coordinador do Consorcio Contraincendios da Coruña.

As lapas finalmente afectaron o almacén de produtos agrícolas lindeiro, con materiais altamente explosivos como os nitratos que se retiraron no primeiro momento ca axuda de traballadores e veciñanza. O resto de material baleirouse ao longo da tarde.

A orixe do lume coñecerase na posterior investigación como apunta o coordinador do Consorcio Contraincendios.

"É moi cedo, aínda non acabamos a extinción para saber as causas"

Hai dous homes feridos, un leve e o outro que cumpriu traslado ao Hospital Clínico de Santiago.

Sete horas tardaron os bombeiros en lograr controlar as lapas que desfixeron por completo a nave que, de feito, se derrubou por completo.

Un equipo de emerxencias quedará esta noite de retén para evitar que o lume se poida reavivar, un lume que mantivo en tensión a comarca desde que se iniciou sobre as once e media da mañá como declarou pola mañá a alcaldesa de Santa Comba, María Pose.

"Ao saír do concello vías a columna de fume, naquel momento era impresionante porque daban medo mesmo as lapas".

A columna de fume negro e mesto inicial foi visible a varios quilómetros á redonda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade