Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estabilizado o incendio de Ribas de Sil con 180 hectáreas queimadas e controlado o de Vimianzo e Laxe tras arder 220

Estabilizado o incendio de Ribas de Sil con 180 hectáreas queimadas e controlado o de Vimianzo e Laxe tras arder 220

TVG
G24.gal 13/07/2026 10:07 Última actualización 13/07/2026 21:40

O incendio que comezou o sábado despois das seis da tarde no municipio lucense de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra, está estabilizado tras arrasar 180 hectáreas, segundo estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural, cuxos medios de extinción continúan traballando alí para sufocar o lume.

Medio Rural lembrou no seu informe deste luns que foi necesario declarar a situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Chenzas, pero a evolución do incendio permitiu desactivar ese estado de alarma na madrugada do domingo.

As chamas, con todo, volveron reavivarse o domingo pola tarde como consecuencia do forte vento, o cal obrigou a Adif a cortar a circulación de trens por esta zona e tamén quedou restrinxido o tráfico pola estrada provincial que comunica San Clodio con Casares.

Despois diso, o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, dixo a EFE á primeira hora deste luns que a situación mellorou notablemente durante a noite, a circulación ferroviaria e mais o paso por esa estrada provincial que estivo horas cortada quedaron restablecidas por completo.

Así, o rexedor local mostrouse optimista con respecto á evolución do incendio. “Pasamos unha noite tranquila, refrescou bastante a temperatura e houbo pouco vento, o cal facilitou os traballos de extinción”, engadiu o alcalde.

Durante a noite, de feito, os traballos de extinción centráronse en mollar as zonas máis quentes e en abrir unha devasa nun piñeiral na zona de San Pedro. Nun momento dado, temeuse que as lapas chegasen a alcanzar a aldea do mesmo nome, na que viven uns 50 veciños, contou tamén o alcalde, pero finalmente quedaron moi lonxe e non houbo perigo.

Para a extinción deste incendio, Medio Rural mobilizou, de xeito acumulado, 8 técnicos, 37 axentes, 53 brigadas, 40 motobombas, 4 escavadoras, 9 helicópteros e 8 avións.

Na provincia da Coruña, Medio Rural deu por controlado desde a pasada noite, ás 23:37 horas, o incendio rexistrado nos municipios de Vimianzo e Laxe, fundido nun único lume tras se uniren os que comezaron nas parroquias de Salto, en Vimianzo, e Nande en Laxe.

Segundo as últimas estimacións provisionais, ese incendio afecta a 220 hectáreas. Nos traballos de extinción estiveron ata o de agora catro técnicos, 53 axentes, 65 brigadas, 57 motobombas, 5 escavadoras, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e un avión. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade